Resultados da procura
Hai 1 investimento contén o termo 'comunidade educativa'
Campaña "Emprender cara a educación do futuro"
08/09/2018 • • Orzamento
Para preparar aos mozos para os desafíos do século XXI, a lei española, baseada na Comisión Europea e en nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da UNESCO, salientou a necesidade de equiparar ás persoas con novas capacidades e elevar os niveis xerais das súas habilidades; poñendo o foco en desenvolver unha educación orientada ás competencias, que capacite ás persoas para integrar o coñecemento, habilidades e actitudes necesarias para a súa realización persoal e desenvolvemento completo.
As sociedades contemporáneas están marcadas por novas tendencias mundiais, cambios económicos, culturais, tecnolóxicos e ambientais que son parte dunha onda de globalización rápida e desigual. A crecente interdependencia global que caracteriza o noso tempo, require unha xeración de individuos que poidan involucrarse na resolución efectiva de problemas globais e participar simultaneamente na vida cívica local, nacional e global. Debemos preparar aos cidadáns de lugo para que participen plenamente nas demandas do mundo de hoxe e do mañá, fomentando ao mesmo tempo a cidadanía local e a competencia global.
Para lograr unha educación de alta calidade debemos ir máis aló do coñecemento, a memorización de feitos e os procedementos. A comprensión, o pensamento crítico, a creatividade, a autorregulación, o desenvolvemento do talento... son elementos máis esenciais que nunca. Para contribuír ao desenvolvemento sostible da nosa sociedade debemos ensinar aos nosos estudantes a usar o seu coñecemento e habilidades para crear e xerar novas ideas, novos produtos e novos coñecementos que repercutan no beneficio da súa contorna máis próxima.
A Unión Europea sinala que as escolas europeas mostran principalmente tres grandes carencias: - Desenvolver e aplicar unha aprendizaxe baseada en competencias.
- Promover a equidade.
- Responder o cambio tecnolóxico e dixital.
O proceso de adaptación das nosas escolas aos retos do SXXI é lento, desigual e illado. Conseguir en Lugo escolas de calidade que desenvolvan as competencias clave e as capacidades transversais (pensamento crítico, creatividade...) require levar a cabo profundas reformas que afectan a toda a organización escolar; á súa cultura, á colaboración entre docentes, á abordaxe do currículo, ás prácticas de traballo e os métodos de ensino.
Debemos implicar todos os recursos dispoñibles, persoais e administrativos para cambiar o modo en que se produce a aprendizaxe, conectalo coa vida real e que sexa máis relevante para a sociedade lucense. Tamén debemos responder as necesidades específicas de todo o alumnado, de xénero, de diversidade cultural e de atención á diversidade (necesidades por baixo e por encima da media).
Levar a cabo estes retos é clave para establecer os cimentos dunha aprendizaxe que transcenda ao longo da vida e repercuta nun mellor futuro para a nosa cidade, Lugo. O alumnado que temos hoxe nas nosas aulas enfrontarase a unha sociedade complexa chea de retos. Toda a comunidade educativa debe empezar a plantexarse, que vale a pena comprender hoxe e mañá? que tipo de aprendizaxe valoramos e queremos promover nas nosas aulas?
A innovación escolar e o cambio metodolóxico debe incidir en catro aspectos:
- Profesor: actualizar o rol de profesor creando e apoiando formación para o desenvolvemento profesional docente relevante e de calidade.
- Alumno: actualizar o rol do alumnado a un rol activo e autónomo, onde o alumnado sexa o principal protagonista e responsable da súa aprendizaxe.
- Contornas: crear contornas de aprendizaxe efectivos para todos.
- Comunidade educativa: educar á comunidade educativa e fomentar o papel activo de familias, institucións, empresas...
Propoñemos que se cree unha campaña para promover que as escolas lucenses emprendan o seu camiño cara a educación do futuro e apoie a aqueles centros e docentes que xa están incluídos na ecuación do cambio.
- Xornadas de formación de profesorado e da comunidade educativa.
- Investimento e recursos para a posta en práctica e realización de proxectos e ideas.
- Fomento de actividades escolares que impliquen unha aprendizaxe activa e trascendente.
- Xornadas de comunicación de boas prácticas.
- Creación dun centro de documentación de boas prácticas.
- Investimento e recursos para a mellora dos entornos de aprendizaxe, equipamento, recursos humáns e tecnolóxicos.